Na actualidade, cada vez é máis habitual ver nas redes sociais e nos medios corpos moi musculados que se presentan como ideais de beleza e éxito. Isto pode facer que moitas persoas, sobre todo xente nova, non se sintan satisfeitas co seu propio corpo. Nalgúns casos, esta preocupación pode chegar a converterse nun problema serio de saúde: a vigorexia.
Ademais, non é algo pouco común, xa que se estima que arredor do 10 % das persoas que practican exercicio poden padecela. A maioría dos afectados son homes (aproximadamente un 80 %) e adoita aparecer sobre todo entre os 18 e os 25 anos. Tamén é frecuente en persoas que practican culturismo ou acoden regularmente ao ximnasio.
Que é a vigorexia?
A vigorexia, tamén coñecida como dismorfia muscular ou complexo de Adonis, é un trastorno da imaxe corporal. A persoa percíbese máis débil ou con menos músculo do que realmente ten, o que lle xera unha insatisfacción constante.
Como consecuencia, intenta compensalo con exercicio excesivo, dietas moi estritas e, ás veces, consumo de esteroides.
Causas
A vigorexia non ten unha única causa, senón que aparece pola combinación de varios factores:
-
Psicolóxicos: Baixa autoestima, unha persoa que no se sente ben consigo mesma busca a musculatura como compensación; inseguridade; perfeccionismo adoitan poñerse obxectivos físicos moi difíciles de conseguir e nunca están contentos cos resultados que logran; experiencias persoais, críticas sobre o corpo ou bullying.
-
Sociais e Culturais: Presión dos medios, fan que moitas persoas comparen o seu corpo con modelos irreais e se sintan inferiores e as redes sociais que mostran corpos “perfectos”. Asociación entre músculo, éxito e atractivo.
-
Biolóxicos: o exercicio libera endorfinas que poden crear dependencia.
Síntomas
Os principais síntomas son:
-
Exercicio físico excesivo e obsesivo, co obxectivo de aumentar a masa muscular.
Obsesión polo físico e polos músculos.
Verse débil a pesar de estar musculado.
-
Dietas moi estritas e con gran control dos alimentos e nutrientes.
-
Uso de esteroides anabolizantes ou suplementos.
-
Ansiedade ou irritabilidade se non se pode adestrar.
-
Abandono da vida social.
Consecuencias
A vigorexia pode ter efectos graves tanto a nivel físico como psicolóxico:
Físicos:
Lesións musculares e articulares por sobreentrenamento.
- Problemas cardíacos e hormonais.
-
Danos no fígado polo uso de esteroides.
-
Fatiga constante.
- O consumo de esteroides ou outras substancias para aumentar o músculo pode provocar efectos secundarios que afectan á vida sexual, como perda de desexo, problemas de erección ou cambios no desexo sexual.
Psicolóxicos:
-
Ansiedade e depresión.
-
Illamento social.
-
Insatisfacción permanente co propio corpo.
-
Posible aparición doutros trastornos (alimentarios ou obsesivos).
Diagnóstico e tratamento
O diagnóstico realízase por profesionais da psicoloxía ou psiquiatría mediante entrevistas e cuestionarios específicos.
O tratamento adoita ser multidisciplinar:
-
Psicoterapia: Terapia cognitivo-conductual (TCC) para cambiar pensamentos negativos.
-
Educación sobre hábitos saudables de exercicio.
-
Asesoramento nutricional.
-
Control médico, sobre todo se hai consumo de substancias. Os medicamentos como antidepresivos ou ansiolíticos poden ser necesarios para tratar síntomas como a depresión ou a ansiedad.
Terapia de grupo: onde persoas con problemas parecidos se xuntan para falar das súas experiencias. Isto axuda a sentirse comprendido, compartir o que lles pasa e recibir apoio doutras persoas que están pasando por algo similar.
Tamén é importante facer seguimento, xa que existe risco de recaídas.
Prevención
Para evitar a vigorexia é importante:
-
Ter unha visión realista e saudable do corpo.
Evitar comparacións constantes con outras persoas ou redes sociais.
Practicar exercicio de forma equilibrada, non obsesiva.
-
Fomentar a autoestima e a aceptación persoal.
-
Detectar sinais de obsesión a tempo e pedir axuda se é necesario.

Ningún comentario:
Publicar un comentario