Unha das patoloxías máis comúns do sistema circulatorio humano é a arteriosclerose, que consiste no endurecemento e engrosamento das paredes das arterias dificultando así o paso do sangue polo seu interior. Entre os diversos tipos de arteriosclerose, destaca a ateroesclerose.
Este tipo en concreto, caracterízase pola acumulación de graxas, colesterol LDL e outras sustancias, que acabarán formando a placa ateroma no recubrimento interno das arterias de mediano e gran tamaño. A placa, ademais da redución e do bloqueo do fluxo sanguíneo, tamén pode chegar a romperse e formar coágulos sanguíneos. É unha enfermidade asintomática, sobre todo nas primeiras etapas, pero unha vez avanzada, aparecen síntomas que varían segundo a arteria afectada:
- Nas arterias do corazón: dor no peito, palpitacións cardíacas, dificultade para respirar ou mareos.
- Arterias do cerebro: dificultades na fala, perda temporal da visión ou caída dos músculos da cara. Si non se tratan a tempo, poden acabar causando un accidente cerebrovascular, comúnmente chamado ictus.
- Arterias das extremidades: dor, molestias ou cambras nas pernas ao camiñar, o que se chama claudicación. Tamén pode ter a presión arterial máis baixa nas extremidades as que afecta.
- Arterias mesentéricas: dor abdominal despois de comer, perda de peso ou diarrea.
- Tamén pode causar problemas renais, ou disfunción eréctil nos homes.
Todos estes síntomas adoitan presentarse en situacións de estrés ou momentos nos que o corpo necesita máis osíxeno.
Factores de risco e causas
A acumulación de placa é debida a distintos motivos, entre os que destacan:
- Diabetes: o alto nivel de azucre pode danar as capas internas das arterias, lugar onde se acumula a placa.
- Antecedentes familiares: os xenes poden aumentar o risco de padecela, especialmente no caso de ter un trastorno hereditario relacionado co colesterol.
- Presión arterial alta, que co tempo pode terminar danando as paredes arteriais permitindo a acumulación de placa.
- Enfermidades inflamatorias, que poden danar os vasos sanguíneos.
- Sobrepeso ou obesidade, e tabaquismo.
- Idade avanzada: normalmente a acumulación de placa comeza na infancia e empeora coa idade.
- Dieta pouco saudables e pouca actividade física: as dietas pouco saudables, altas en graxas, aumentan as concentracións de colesterol, e a falta de actividade física permite a súa acumulación.
Diagnóstico e tratamentos
A aterosclerose pode ser diagnosticada mediante diferentes probas coma por exemplo análises de sangue, electrocardiogramas ou índice de nocello-brazo (IBA).
Despois do seu diagnóstico pódense tomar diferentes tratamentos, tales como:
- Medicamentos: para controlar o colesterol, regular a presión arterial, evitar a formación de coágulos, adelgazar e controlar outras patoloxías que poden causar a aterosclerose.
- Intervencións e cirurxías como a intervención coronaria percutánea, a cirurxía de revascularización miocárdica ou a anxioplastia.
- Tamén en algunhas persoas é necesario que participen nun programa de exercicios, de rehabilitación cardíaca ou de terapias para axudalas a que progresen nunha nova forma de vida.
Medidas para evitar a Aterosclerose
A pesar de que hai algunhas cousas que non podemos cambiar, como a idade ou os xenes, si existen medidas que axudan a reducir o risco de padecela:
- Levar unha forma de vida saudable, cunha dieta baixa en graxas e glícidos, abandono do tabaquismo, disminución do consumo de alcohol e realización de actividade física varias veces a semana.
- Controlar a presión arterial, o colesterol e outras enfermidades que poden causar a ateroscleroses.
- A partir dos 40-50 anos, acudir a exames periódicos de saúde, sobre todo se existen antecedentes familiares con enfermidades relacionadas ou que a padeceran.
Ningún comentario:
Publicar un comentario