Amosando publicacións coa etiqueta cerebro. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta cerebro. Amosar todas as publicacións

mércores, 3 de xuño de 2026

CONEXIÓN INESTABLE

 

O cerebro é o órgano encargado de controlar os movementos, a postura e moitas das funcións do noso corpo. O seu correcto desenvolvemento é fundamental para que as persoas poidan realizar as actividades da vida diaria con normalidade. Porén, ás veces prodúcense lesións ou alteracións no cerebro durante o embarazo, o parto ou os primeiros anos de vida, o que pode afectar ao movemento e á coordinación.

Unha das condicións que pode provocar estas dificultades é a parálise cerebral. Esta consiste nun conxunto de trastornos permanentes do movemento e da postura causadas por unha lesión no cerebro en desenvolvemento.

Que é a parálise cerebral?

A parálise cerebral (PC) é un grupo de trastornos neurolóxicos que afectan ao cerebro e ao sistema nervioso. Estas alteracións poden influír no movemento, a postura, o equilibrio, a coordinación e, nalgúns casos, no aprendizaxe, a audición, a visión e o pensamento.

Existen diferentes tipos de parálise cerebral:

  • Espástica
  • Discinética
  • Atáxica
  • Hipotónica
  • Mixta

Cada persoa pode presentar síntomas e necesidades diferentes segundo o tipo e a gravidade da lesión cerebral.

Causas da parálise cerebral

A maioría dos casos de parálise cerebral teñen a súa orixe durante o embarazo, aínda que tamén poden producirse lesións cerebrais durante o parto ou na primeira infancia. Entre os factores máis frecuentes atópanse a falta de osíxeno en determinadas áreas do cerebro, o nacemento prematuro, as hemorraxias cerebrais, as infeccións que afectan ao sistema nervioso central, os traumatismos cranioencefálicos ou algunhas infeccións maternas durante a xestación, como a rubéola.

Tamén poden influír a ictericia grave non tratada, determinadas complicacións durante o parto ou a exposición do feto a substancias tóxicas, como o mercurio. Con todo, nalgúns casos non é posible identificar con exactitude a causa que provocou a lesión cerebral.

Síntomas

Os síntomas adoitan manifestarse antes dos dous anos de idade. Moitas veces son os propios pais quen detectan os primeiros sinais ao observar atrasos no desenvolvemento motor, como dificultades para sentar, gatear, poñerse de pé ou comezar a camiñar.

A forma máis frecuente é a parálise cerebral espástica, caracterizada por unha maior tensión muscular e rixidez que pode dificultar os movementos. Isto pode provocar alteracións na marcha, como camiñar de puntillas ou cruzando as pernas, así como limitación da mobilidade articular e debilidade muscular.

Ademais da espasticidade, algunhas persoas presentan movementos involuntarios, tremores, problemas de equilibrio e coordinación ou unha diminución do ton muscular. Tamén son frecuentes outras manifestacións asociadas, como dificultades de aprendizaxe, trastornos da fala, alteracións visuais ou auditivas e crises epilépticas.

Os problemas relacionados coa alimentación tamén poden aparecer con certa frecuencia. Algunhas persoas teñen dificultades para succionar, mastigar ou tragar os alimentos, o que pode acompañarse de babeo excesivo, estrinximento ou vómitos recorrentes. Nalgúns casos tamén se observan problemas respiratorios, un crecemento máis lento do esperado ou incontinencia urinaria.

Diagnóstico

O diagnóstico baséase fundamentalmente na observación do desenvolvemento e do comportamento motor do neno. Os profesionais sanitarios avalían aspectos como o ton muscular, os reflexos, a coordinación, o equilibrio e a evolución das habilidades motoras.

Tamén se analiza a persistencia de determinados reflexos primitivos que normalmente desaparecen durante o primeiro ano de vida. Para confirmar o diagnóstico ou investigar a causa da lesión cerebral poden empregarse probas de imaxe como a resonancia magnética, a tomografía computarizada ou a ecografía cerebral.


Tratamento

Na actualidade non existe unha cura definitiva para a parálise cerebral. O tratamento céntrase en mellorar a funcionalidade, favorecer a autonomía persoal e aumentar a calidade de vida.

Para conseguir estes obxectivos é fundamental un enfoque multidisciplinar no que participan diferentes profesionais, entre eles médicos especialistas, fisioterapeutas, terapeutas ocupacionais, logopedas, traballadores sociais e outros expertos segundo as necesidades de cada persoa.

A fisioterapia constitúe unha das intervencións máis importantes, xa que contribúe a mellorar a mobilidade, a forza muscular e o equilibrio. Pola súa banda, a terapia ocupacional axuda a desenvolver habilidades para as actividades da vida diaria, mentres que a logopedia resulta esencial cando existen dificultades de comunicación ou de deglutición.

Tamén poden empregarse dispositivos de apoio, órteses, andadores ou cadeiras de rodas para facilitar a mobilidade e a participación nas actividades cotiás. Ademais, moitas persoas precisan adaptacións educativas que favorezan a súa inclusión escolar.

En determinados casos, os tratamentos farmacolóxicos permiten controlar síntomas específicos. Os anticonvulsivantes utilízanse para tratar as crises epilépticas, mentres que a toxina botulínica e os relaxantes musculares poden contribuír a reducir a espasticidade e a rixidez muscular.

Cando as limitacións físicas son importantes ou aparecen deformidades articulares, pode ser necesaria a intervención cirúrxica. Estas operacións buscan mellorar a mobilidade, diminuír a dor e previr complicacións futuras. Actualmente tamén se investigan novas opcións terapéuticas, como a terapia de ondas de choque para o tratamento da espasticidade.


Posibles complicacións

A parálise cerebral pode asociarse a diversas complicacións ao longo da vida. Entre as máis habituais atópanse a osteoporose, as deformidades articulares, a escoliose, a luxación de cadeira e a artrite. Tamén poden aparecer problemas nutricionais, pneumonías por aspiración, lesións derivadas de caídas ou úlceras por presión en persoas con mobilidade reducida.

Ademais das consecuencias físicas, algunhas persoas afrontan dificultades de comunicación, alteracións cognitivas e situacións de estigmatización social que poden afectar ao seu benestar emocional e á súa participación na comunidade.

Prevención

Aínda que non sempre é posible evitar a aparición da parálise cerebral, existen medidas que poden reducir o risco. Un adecuado seguimento do embarazo, o control das enfermidades maternas, a prevención das infeccións e unha atención obstétrica de calidade son factores fundamentais. Nos embarazos considerados de alto risco, o control especializado resulta especialmente importante.

As persoas con parálise cerebral deben manter revisións periódicas cos distintos profesionais sanitarios para detectar de forma precoz posibles complicacións e optimizar a súa calidade de vida.

Conclusión

A parálise cerebral é unha condición neurolóxica permanente que afecta principalmente ao movemento e á postura debido a unha lesión no cerebro en desenvolvemento. A pesar de que non ten cura, o diagnóstico precoz e a intervención multidisciplinar permiten mellorar significativamente a autonomía, a participación social e a calidade de vida das persoas afectadas, favorecendo a súa inclusión plena na sociedade.




LADRÓN DE RECORDOS





 


E se os teus recordos comezasen a desaparecer pouco a pouco sen que poidas evitalo? O Alzheimer é unha enfermidade que non só borra a memoria, senón tamén parte da identidade dunha persoa.

É un trastorno neurodexenerativo que afecta ao cerebro e provoca un deterioro progresivo das funcións cognitivas, especialmente da memoria.

COMO OCORRE

O Alzheimer vai danando o cerebro pouco a pouco por dous lados. 

Por unha parte, a proteína 

beta amiloide acumúlase fora das neuronas e forman placas que dificultan que se poidan comunicar entre elas. Ao mesmo tempo, outra proteína chamada tau afecta ao interior das células: desordénanse e créase unha especie de enredos que impiden que os nutrientes circulen con normalidade, facendo que as neuronas vaian morrendo.




Co paso do tempo, todo isto provoca que o cerebro se vaia encollendo, o que se coñece como atrofia cerebral. Este proceso adoita comezar no hipocampo, que é a zona relacionada coa memoria, e despois esténdese a outras partes do cerebro. Por iso, a persoa vai perdendo pouco a pouco os recordos, a súa identidade e tamén a capacidade de ser autónomo.

A QUEN AFECTA


O Alzheimer adoita afectar ás persoas maiores, sobre todo a partir dos 65 anos. 

É unha enfermidade que aparece a medida que aumenta a idade, polo que o envellecemento é o principal factor de risco.

Aínda que é pouco frecuente, tamén pode presentarse en persoas máis novas, normalmente por causas xenéticas, antecedentes familiares, problemas cardiovasculares ou levar un estilo de vida pouco saudable.

O Alzheimer en persoas novas é máis difícil de detectar, xa que os síntomas poden confundirse con estrés, ansiedade ou problemas de concentración. Aínda así, co tempo aparecen os mesmos problemas que nas persoas maiores: perda de memoria, dificultades para organizar tarefas e cambios na linguaxe ou no comportamento.

EVOLUCIÓN

O Alzheimer non comeza xusto no momento no que aparecen os primeiros síntomas. É un proceso moi lento que pode levar anos ou décadas desenvolverse sen que a persoa se decate.

Os científicos dividen esta evolución en tres etapas principais, nas que pouco a pouco se vai perdendo cada vez máis capacidade.


  • Fase leve: Os síntomas céntranse sobre todo na memoria recente. A persoa comeza a repetir preguntas, esquécese de cousas que acaban de ocorrer ou ten máis dificultades para atopar palabras no medio dunha conversa. Aínda así, nesta etapa conserva bastante autonomía, e moitas veces estes despistes atribúense ao estrés ou á idade. 
  • Fase moderada:É a máis longa e o deterioro faise máis evidente. Xa non afecta só á memoria, senón tamén á linguaxe, á orientación e ao razoamento. A persoa pode perderse en lugares coñecidos, necesitar axuda para tarefas cotiás como vestirse ou preparar comida, e é frecuente que aparezan cambios de ánimo ou episodios de confusión.
  • Fase avanzada: Aquí o dano cerebral é moito máis xeneralizado. A comunicación practicamente desaparece, non recoñece ás persoas do seu entorno e a dependencia é total. Nesta etapa, o corpo tamén vai perdendo capacidade para funcionar con normalidade, polo que son necesarios coidados constantes durante todo o día.

TRATAMENTO

Non existe unha cura para o Alzheimer, pero hai tratamentos que axudan a mellorar a calidade de vida das persoas que o padecen e poden moderar un pouco a evolución da enfermidade.

Os medicamentos son moi importantes e poden mellorar temporalmente a memoria, a atención ou a capacidade de realizar tarefas diarias. 

Tamén son moi importantes as terapias non farmacolóxicas, xa que, grazas a exercicios de memoria, actividades de estimulación cognitiva e xogos mentais, axudan a manter o cerebro activo o maior tempo posible. 

O coidado da persoa é fundamental, xa que o apoio da familia ou de coidadores axuda a manter a súa seguridade, autonomía e benestar emocional. 

















ATRAPADOS ENTRE TREMORES

 


A enfermidade de Parkinson é unha patoloxía neurodexenerativa que afecta ao sistema nervioso e altera principalmente o control do movemento. Prodúcese cando determinadas neuronas do cerebro, especialmente as encargadas de producir dopamina, van deteriorándose progresivamente. A dopamina é unha substancia esencial para coordinar os movementos musculares e manter o equilibrio corporal. 

Esta enfermidade afecta sobre todo ás persoas maiores de 60 anos, aínda que tamén existen casos de inicio temperán. Na actualidade non existe unha cura definitiva, pero si tratamentos que permiten mellorar a calidade de vida dos pacientes.

Que ocorre no cerebro?

Na enfermidade de Parkinson, as células nerviosas dunha zona cerebral chamada substancia negra deixan de producir suficiente dopamina. Isto provoca dificultades para controlar os movementos e coordinar os músculos.

Principais síntomas

Os síntomas aparecen de forma lenta e progresiva. Os máis frecuentes son:

  • Tremores nas mans, pernas ou mandíbula.
  • Lentitude nos movementos ou bradicinesia.
  • Rixidez muscular.
  • Problemas de equilibrio e coordinación.
  • Alteracións na fala e na escritura.

Ademais dos síntomas motores, tamén poden aparecer problemas de sono, ansiedade, depresión ou dificultades cognitivas.

Como se diagnostica?

Non existe unha proba única capaz de confirmar o Parkinson. O diagnóstico realízase mediante:

  • Exploración neurolóxica.
  • Avaliación dos síntomas.
  • Historial clínico do paciente.
  • Probas de imaxe para descartar outras enfermidades.

Os especialistas en neuroloxía observan especialmente os problemas de movemento, o equilibrio e a resposta aos medicamentos.

Tratamentos actuais

Aínda que o Parkinson non ten cura, existen tratamentos eficaces para controlar os síntomas. O máis empregado é a levodopa, un medicamento que axuda a aumentar os niveis de dopamina no cerebro.

Tamén se utilizan:

  • Fisioterapia.
  • Exercicios de mobilidade.
  • Terapias ocupacionais.
  • Estimulación cerebral profunda en casos graves.

Vivir coa enfermidade

Moitas persoas con Parkinson poden manter unha vida activa durante anos grazas ao tratamento, ao exercicio físico e ao apoio familiar. Actividades como camiñar, bailar ou practicar tai chi poden axudar a mellorar o equilibrio e reducir a rixidez muscular.

A investigación científica continúa avanzando para atopar novos tratamentos e mellorar o diagnóstico precoz da enfermidade.

Conclusión

A enfermidade de Parkinson é unha das patoloxías neurolóxicas máis frecuentes no mundo. A pesar de ser unha enfermidade progresiva, os avances médicos permiten controlar moitos dos síntomas e mellorar considerablemente a calidade de vida das persoas afectadas. A información, a prevención e o apoio social son fundamentais para afrontar esta enfermidade.




martes, 2 de xuño de 2026

VIAXE INTERROMPIDA


A esclerose múltiple é unha enfermidade que afecta ao sistema nervioso e provoca distintos problemas cognitivos e físicos. Moitas persoas no mundo padécena e, aínda que non ten cura, existen moitos tratamentos que axudan a controlar os síntomas e mellorar a calidade de vida.

Que é?

A esclerose múltiple (EM) é unha enfermidade crónica do sistema nervioso central que afecta ao cerebro e á medula espiñal. É considerada unha enfermidade autoinmune porque o sistema inmunitario ataca por erro á mielina. Esta lesión dificulta a transmisión dos impulsos nerviosos entre o cerebro e o resto do corpo.

Como afecta ao sistema nervioso?
A esclerose múltiple afecta ao sistema nervioso central porque dana a mielina que rodea e protexe as fibras nerviosas. Cando esta cuberta se desgasta, as mensaxes eléctricas que viaxan entre as neuronas vólvense máis lentas, interrómpense ou deixan de transmitirse.

Debido a isto, ao cerebro dificúltaselle a comunicación eficiente con distintas partes do corpo. Dependendo da zona afectada aparecen problemas diferentes, como poden ser, problemas de mobilidade, de coordinación, de sensibilidade, de visión ou de funcións cognitivas. Co paso do tempo, o dano continuo pode provocar lesións permanentes nas fibras nerviosas, o que provoca a progresión de algúns síntomas.

Causas
A causa da esclerose múltiple descoñécese. Considérase que é unha enfermidade de orixe imunitario na que o sistema inmunitario do corpo ataca aos propios tecidos. Non está claro porque se manifesta nalgunhas persoas e noutras non. Unha combinación de factores xenéticos e ambientais pode aumentar o risco a padecer esta enfermidade. Estes factores son:
  • Idade, máis común a aparición entre os 20 e os 40 anos.
  • Sexo, as mulleres teñen máis posibilidades de padecela.
  • Antecedentes familiares, se alguén na túa familia a ten, é máis probable que a padezas.
  • A raza, as persoas con descendencia do norte de Europa, son máis propensas a ter esta enfermidade.
  • Baixos niveis de vitamina D.
  • Fumar
  • Ter obesidade
  • Determinadas enfermidades autoinmunes, se padeces algunha outra enfermidade autoinmune, é máis probable que padezas esclerose múltipe 

Síntomas
Os síntomas da esclerose múltiple varían en función da persoa. Durante o avance da enfermidade poden cambiar, dependendo das fibras nerviosas ás que afecte. Os síntomas máis comúns son:
  • Entumecemento ou formigueo
  • Sensacións de descargas eléctricas que se producen con certos movementos do pescozo, especialmente, ao inclinalo cara a diante. Esta sensación denomínase signo de Lhermitte.
  • Falta de coordinación
  • Problemas para camiñar ou imposibilidade de facelo
  • Debilidade
  • Perda da visión parcial ou completa, que adoita ir acompañada de dor durante os movementos oculares.
  • Visión dobre e borrosa
  • Mareos e sensación de que todo o que está ao teu arredor se move, é dicir vertixe.
  • Problemas coa funcionalidade sexual, a vexiga e os intestinos.
  • Fatiga
  • Dificultade na fala
  • Problemas de memoria, pensamento e comprensión da información
  • Cambios no estado de ánimo 
Os aumentos da temperatura corporal poden empeorar os síntomas da esclerose múltiple.

Tipos
Os tipos de esclerose múltiple dependen da progresión dos síntomas e da frecuencia das recaídas, e son:
  • Con recaídas e mellorías: a maior parte das persoas padecen este tipo. Teñen períodos con novos síntomas ou recaídas que aparecen durante días ou semanas e, normalmente melloran de forma parcial ou total. Estas recaídas están seguidas de períodos tranquilos da enfermidade que poden durar meses.
  • Secundaria progresiva: entre o 20% e o 40% das persoas con esclerose múltiple con recaídas e mellorías co tempo poden desenvolver unha progresión constante dos síntomas. Esta progresión pode ocorrer entre 10 e 40 anos despois do inicio da enfermidade.
  • Primaria progresiva: nalgunhas persoas, os síntomas empeoran pouco a pouco dende o principio, sen fases de recuperación.

Diagnóstico
Non existen probas específicas para detectar a esclerose múltiple. O diagnóstico consta de varias probas, exploración física, resonancia magnética e resultados da punción lumbar. O diagnóstico da esclerose múltiple tamén implica descartar outras afeccións que poidan causar síntomas similares. Isto coñécese como diferenciación diagnóstica.
As probas que se utilizan para diagnosticar esta enfermidade son:

  • Resonancia magnética que pode revelar áreas de esclerose múltiple no cerebro e na medula espiñal. Estas áreas denomínanse lesións.  É unha proba non invasiva que proporciona imaxes moi detalladas do sistema nervioso central e axuda a confirmar o diagnóstico da enfermidade.
  • Punción lumbar na que se extrae unha pequena mostra de líquido cefalorraquídeo do conduto espiñal para a súa análise en laboratorio. Esta mostra pode mostrar cambios nos anticorpos que están asociados coa esclerose múltiple. Unha punción lumbar tamén axuda a descartar infeccións
    e outras afeccións con síntomas similares aos da esclerose múltiple. Unha proba de anticorpos máis recente para as cadeas lixeiras libres pode ser máis rápida e menos custosa que as probas anteriores de líquido cefalorraquídeo para detectar a esclerose múltiple.
  • Tomografía de coherencia óptica que usa ondas de luz para producir imaxes do ollo. Na esclerose múltiple, unha afección chamada neurite óptica provoca cambios na retina. A tomografía de coherencia óptica úsase para medir o grosor da retina. Tamén pode mostrar danos nas fibras nerviosas da retina.
  • Análise de sangue axudan a descartar outras enfermidades con síntomas similares aos da esclerose múltiple. Estanse a desenvolver probas para comprobar se hai biomarcadores específicos asociados coa esclerose múltiple. 
  • Probas neuropsicolóxicas avalían funcións como a memoria, o pensamento, a linguaxe e o estado de ánimo. Realízanas neuropsicólogos e son moi importantes na esclerose múltiple para detectar posibles problemas cognitivos que poden afectar á vida diaria. Estas probas poden facerse ao diagnóstico e repetirse ao longo do tempo para controlar a evolución da enfermidade.
Tratamento
Por agora non se coñece ningunha cura para a esclerose múltiple, pero existen diferentes tratamentos que poden parar a enfermidade. O obxectivo do tratamento é deter o progreso e controlar os síntomas para así axudar ás persoas. Os medicamentos normalmente tómanse durante un tempo prolongado. Estes inclúen:

  • Medicamentos para atrasar a enfermidade
  • Esteroides para diminuír a gravidade dos ataques 
  • Medicamentos para controlar os síntomas como espasmos musculares, problemas urinarios, etc.

Os medicamentos son máis efectivos para o tipo con recaídas e mellorías, que para o resto. Para os outros tipos pode ser beneficioso:
  • Fisioterapia e terapia da fala
  • Dispositivos asistenciais, como cadeiras de rodas
  • Un estilo de vida saudable
  • Evitar a fatiga e o estrés
  • Facer cambios no entorno para previr caídas


Posibles complicacións
A esclerose múltiple pode complicarse conforme esta enfermidade avance
  • Depresión
  • Dificultade para tragar
  • Dificultade para pensar
  • Menos capacidade para coidarse sen axuda
  • Osteoporose ou adelgazamento dos ósos
  • Úlceras de decúbito
  • Infeccións das vías urinarias
  • Necesidade dunha sonda urinaria permanente
A esclerose múltiple é unha enfermidade crónica que afecta ao sistema nervioso e pode provocar importantes cambios na vida das persoas que a padecen. Actualmente non ten cura, pero existen tratamentos que permiten controlar os síntomas e mellorar a calidade de vida. A investigación continúa avanzando para comprender mellor a enfermidade e desenvolver terapias mellores.





CANDO AS FAÍSCAS DO CEREBRO DESCONTRÓLANSE

  O sistema nervioso é o encargado de coordinar todas as funcións do noso. Este sistema funciona grazas as neuronas, as cales se se comunic...