Amosando publicacións coa etiqueta tratamentos. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta tratamentos. Amosar todas as publicacións

mércores, 3 de xuño de 2026

CANDO NON HAI PAUSA

 


Para que o noso organismo funcione correctamente é fundamental a intervención das hormonas, razón pola cal existen unha ampla variedade delas, producidas por distintas glándulas endócrinas. Entre elas destaca a tiroide, situada no pescozo, a ambos lados da tráquea, é a produtora das hormonas tiroideas, necesarias para o control do metabolismo, da enerxía, do calor corporal, do crecemento e do estado de ánimo. 

Como calquera outra parte do noso corpo, esta glándula pódese ver afectada e causar problemas, e é aí onde aparece a enfermidade de Graves. Trátase dunha enfermidade autoinmune, na que o noso sistema inmunitario produce anticorpos que estimulan a glándula tiroidea, facendo que produza un exceso de hormonas, é dicir, causando hipertiroidismo. A enfermidade de Graves é a causa principal de hipertiroidismo, xa que o 85% dos casos son debidos a esta enfermidade.

Afortunadamente esta non é unha enfermidade mortal, e cos medicamentos e hábitos de vida saudables pódese levar unha vida bastante boa.

Factores de risco

Existen diferentes factores que poden aumentar a probabilidade de padecer a enfermidade, como o son:

  • O sexo: afecta principalmente a mulleres. Aumentando máis a probabilidade durante o embarazo.
  • A idade: tende a desenvolverse a partir dos 30 anos.
  • Antecedentes familiares de enfermidade de Graves ou de Hashimoto.
  • Outros trastornos autoinmunes como o vitiligo ou artrite reumatoide.
  • Estrés.
  • Tabaquismo ou outros produtos derivados da nicotina.
Síntomas

A enfermidade de Graves presenta unha gran variedade de síntomas, como son:

  • Bocio difuso, que consiste no aumento do tamaño da glándula tiroide.
  • Perda de peso, aínda que aumenta o apetito.
  • Diarrea.
  • Dificultade para durmir e para concentrarse.
  • Nerviosismo e irritabilidade.
  • Intolerancia ao calor e aumento da sudación.
  • Tremor nas mans.
  • Debilidade muscular.
  • Taquicardias.
  • Cansazo e fatiga.
  • Cambios nos ciclos menstruais, e disfunción eréctil.
  • Oftalmopatía de Graves: ollos saltóns, inflamados, irritados, maior sensibilidade á luz e visión borrosa.
  • Dermopatía de Graves: pel grosa e descolorida nas pernas.


Diagnóstico

Comunmente os médicos diagnostícana realizando primeiro un exame físico buscando os síntomas mencionados anteriormente, para despois levar a cabo outros exames para confirmala:

  • Análise de sangue, para medir a concentración de hormonas tiroideas e ver se hai TSI, o anticorpo estimulante da glándula tiroide.
  • Ecografía tiroidea, para ver o tamaño da tiroide.
  • Proba de absorción do iodo radioactivo.

Tratamentos

Non ten unha unha cura xa que é unha enfermidade autoinmune, polo que para tratala os médicos empregan medicamentos como bloqueadores, para reducir os síntomas, ou metimazól e propiltiouracilo, que reducen a produción de hormonas na tiroides. Tamén poden empregar terapias con iodo radioactivo, que destrúe as hormonas que produce a glándula tiroidea e aliviando temporalmente os síntomas. Por último, poden realizar unha cirurxía para extirpar a tiroides, pero esta operación ten bastantes riscos, como un dano ao nervio que controla as cordas vocais ou á glándula paratiroide.

Ademais de todo isto, tamén é recomendable seguir unha dieta evitando o máximo posible o consumo de iodo xa que podería empeorar o hipertiroidismo.

Complicacións

Debido á enfermidade de Graves pódense desenvolver outras patoloxías ou problemas no noso organismo, como ósos fráxiles, afeccións cardíacas ou problemas de saúde durante o embarazo. Tamén se poden desenvolver problemas oculares e dermatolóxicos, e pódese ter unha crise tirotóxica que é moi rara pero potencialmente mortal, xa que se produce un aumento repentino de hormonas tiroideas no sangue, provocando febre, delirios, taquicardia extrema, axitación e insuficiencia cardíaca.



luns, 23 de marzo de 2026

ARTERIAS BLOQUEADAS

 


Unha das patoloxías máis comúns do sistema circulatorio humano é a arteriosclerose, que consiste no endurecemento e engrosamento das paredes das arterias dificultando así o paso do sangue polo seu interior. Entre os diversos tipos de arteriosclerose, destaca a ateroesclerose.

Este tipo en concreto, caracterízase pola acumulación de graxas, colesterol LDL e outras sustancias, que acabarán formando a placa ateroma no recubrimento interno das arterias de mediano e gran tamaño. A placa, ademais da redución e do bloqueo do fluxo sanguíneo, tamén pode chegar a romperse e formar coágulos sanguíneos. É unha enfermidade asintomática, sobre todo nas primeiras etapas, pero unha vez avanzada, aparecen síntomas que varían segundo a arteria afectada:

  • Nas arterias do corazón: dor no peito, palpitacións cardíacas, dificultade para respirar ou mareos.
  • Arterias do cerebro: dificultades na fala, perda temporal da visión ou caída dos músculos da cara. Si non se tratan a tempo, poden acabar causando un accidente cerebrovascular, comúnmente chamado ictus.
  • Arterias das extremidades: dor, molestias ou cambras nas pernas ao camiñar, o que se chama claudicación. Tamén pode ter a presión arterial máis baixa nas extremidades as que afecta.
  • Arterias mesentéricas: dor abdominal despois de comer, perda de peso ou diarrea.
  • Tamén pode causar problemas renais, ou disfunción eréctil nos homes. 

 

Todos estes síntomas adoitan presentarse en situacións de estrés ou momentos nos que o corpo necesita máis osíxeno. 

 

 

Factores de risco e causas

A acumulación de placa é debida a distintos motivos, entre os que destacan: 

  • Diabetes: o alto nivel de azucre pode danar as capas internas das arterias, lugar onde se acumula a placa.
  • Antecedentes familiares: os xenes poden aumentar o risco de padecela, especialmente no caso de ter un trastorno hereditario relacionado co colesterol.
  • Presión arterial alta, que co tempo pode terminar danando as paredes arteriais permitindo a acumulación de placa.
  • Enfermidades inflamatorias, que poden danar os vasos sanguíneos.
  • Sobrepeso ou obesidade, e tabaquismo.
  • Idade avanzada: normalmente a acumulación de placa comeza na infancia e empeora coa idade.
  • Dieta pouco saudables e pouca actividade física: as dietas pouco saudables, altas en graxas, aumentan as concentracións de colesterol, e a falta de actividade física permite a súa acumulación.

Diagnóstico e tratamentos

A aterosclerose pode ser diagnosticada mediante diferentes probas coma por exemplo análises de sangue, electrocardiogramas ou índice de nocello-brazo (IBA).

Despois do seu diagnóstico pódense tomar diferentes tratamentos, tales como:

  • Medicamentos: para controlar o colesterol, regular a presión arterial, evitar a formación de coágulos, adelgazar e controlar outras patoloxías que poden causar a aterosclerose. 
  • Intervencións e cirurxías como a intervención coronaria percutánea, a cirurxía de revascularización miocárdica ou a anxioplastia.
  • Tamén en algunhas persoas é necesario que participen nun programa de exercicios, de rehabilitación cardíaca ou de terapias para axudalas a que progresen nunha nova forma de vida.

Medidas para evitar a Aterosclerose

A pesar de que hai algunhas cousas que non podemos cambiar, como a idade ou os xenes, si existen medidas que axudan a reducir o risco de padecela: 

  • Levar unha forma de vida saudable, cunha dieta baixa en graxas e glícidos, abandono do tabaquismo, disminución do consumo de alcohol e realización de actividade física varias veces a semana.
  • Controlar a presión arterial, o colesterol e outras enfermidades que poden causar a ateroscleroses.
  • A partir dos 40-50 anos, acudir a exames periódicos de saúde, sobre todo se existen antecedentes familiares con enfermidades relacionadas ou que a padeceran.




CANDO AS FAÍSCAS DO CEREBRO DESCONTRÓLANSE

  O sistema nervioso é o encargado de coordinar todas as funcións do noso. Este sistema funciona grazas as neuronas, as cales se se comunic...