Amosando publicacións coa etiqueta embarazo. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta embarazo. Amosar todas as publicacións

mércores, 3 de xuño de 2026

CONEXIÓN INESTABLE

 

O cerebro é o órgano encargado de controlar os movementos, a postura e moitas das funcións do noso corpo. O seu correcto desenvolvemento é fundamental para que as persoas poidan realizar as actividades da vida diaria con normalidade. Porén, ás veces prodúcense lesións ou alteracións no cerebro durante o embarazo, o parto ou os primeiros anos de vida, o que pode afectar ao movemento e á coordinación.

Unha das condicións que pode provocar estas dificultades é a parálise cerebral. Esta consiste nun conxunto de trastornos permanentes do movemento e da postura causadas por unha lesión no cerebro en desenvolvemento.

Que é a parálise cerebral?

A parálise cerebral (PC) é un grupo de trastornos neurolóxicos que afectan ao cerebro e ao sistema nervioso. Estas alteracións poden influír no movemento, a postura, o equilibrio, a coordinación e, nalgúns casos, no aprendizaxe, a audición, a visión e o pensamento.

Existen diferentes tipos de parálise cerebral:

  • Espástica
  • Discinética
  • Atáxica
  • Hipotónica
  • Mixta

Cada persoa pode presentar síntomas e necesidades diferentes segundo o tipo e a gravidade da lesión cerebral.

Causas da parálise cerebral

A maioría dos casos de parálise cerebral teñen a súa orixe durante o embarazo, aínda que tamén poden producirse lesións cerebrais durante o parto ou na primeira infancia. Entre os factores máis frecuentes atópanse a falta de osíxeno en determinadas áreas do cerebro, o nacemento prematuro, as hemorraxias cerebrais, as infeccións que afectan ao sistema nervioso central, os traumatismos cranioencefálicos ou algunhas infeccións maternas durante a xestación, como a rubéola.

Tamén poden influír a ictericia grave non tratada, determinadas complicacións durante o parto ou a exposición do feto a substancias tóxicas, como o mercurio. Con todo, nalgúns casos non é posible identificar con exactitude a causa que provocou a lesión cerebral.

Síntomas

Os síntomas adoitan manifestarse antes dos dous anos de idade. Moitas veces son os propios pais quen detectan os primeiros sinais ao observar atrasos no desenvolvemento motor, como dificultades para sentar, gatear, poñerse de pé ou comezar a camiñar.

A forma máis frecuente é a parálise cerebral espástica, caracterizada por unha maior tensión muscular e rixidez que pode dificultar os movementos. Isto pode provocar alteracións na marcha, como camiñar de puntillas ou cruzando as pernas, así como limitación da mobilidade articular e debilidade muscular.

Ademais da espasticidade, algunhas persoas presentan movementos involuntarios, tremores, problemas de equilibrio e coordinación ou unha diminución do ton muscular. Tamén son frecuentes outras manifestacións asociadas, como dificultades de aprendizaxe, trastornos da fala, alteracións visuais ou auditivas e crises epilépticas.

Os problemas relacionados coa alimentación tamén poden aparecer con certa frecuencia. Algunhas persoas teñen dificultades para succionar, mastigar ou tragar os alimentos, o que pode acompañarse de babeo excesivo, estrinximento ou vómitos recorrentes. Nalgúns casos tamén se observan problemas respiratorios, un crecemento máis lento do esperado ou incontinencia urinaria.

Diagnóstico

O diagnóstico baséase fundamentalmente na observación do desenvolvemento e do comportamento motor do neno. Os profesionais sanitarios avalían aspectos como o ton muscular, os reflexos, a coordinación, o equilibrio e a evolución das habilidades motoras.

Tamén se analiza a persistencia de determinados reflexos primitivos que normalmente desaparecen durante o primeiro ano de vida. Para confirmar o diagnóstico ou investigar a causa da lesión cerebral poden empregarse probas de imaxe como a resonancia magnética, a tomografía computarizada ou a ecografía cerebral.


Tratamento

Na actualidade non existe unha cura definitiva para a parálise cerebral. O tratamento céntrase en mellorar a funcionalidade, favorecer a autonomía persoal e aumentar a calidade de vida.

Para conseguir estes obxectivos é fundamental un enfoque multidisciplinar no que participan diferentes profesionais, entre eles médicos especialistas, fisioterapeutas, terapeutas ocupacionais, logopedas, traballadores sociais e outros expertos segundo as necesidades de cada persoa.

A fisioterapia constitúe unha das intervencións máis importantes, xa que contribúe a mellorar a mobilidade, a forza muscular e o equilibrio. Pola súa banda, a terapia ocupacional axuda a desenvolver habilidades para as actividades da vida diaria, mentres que a logopedia resulta esencial cando existen dificultades de comunicación ou de deglutición.

Tamén poden empregarse dispositivos de apoio, órteses, andadores ou cadeiras de rodas para facilitar a mobilidade e a participación nas actividades cotiás. Ademais, moitas persoas precisan adaptacións educativas que favorezan a súa inclusión escolar.

En determinados casos, os tratamentos farmacolóxicos permiten controlar síntomas específicos. Os anticonvulsivantes utilízanse para tratar as crises epilépticas, mentres que a toxina botulínica e os relaxantes musculares poden contribuír a reducir a espasticidade e a rixidez muscular.

Cando as limitacións físicas son importantes ou aparecen deformidades articulares, pode ser necesaria a intervención cirúrxica. Estas operacións buscan mellorar a mobilidade, diminuír a dor e previr complicacións futuras. Actualmente tamén se investigan novas opcións terapéuticas, como a terapia de ondas de choque para o tratamento da espasticidade.


Posibles complicacións

A parálise cerebral pode asociarse a diversas complicacións ao longo da vida. Entre as máis habituais atópanse a osteoporose, as deformidades articulares, a escoliose, a luxación de cadeira e a artrite. Tamén poden aparecer problemas nutricionais, pneumonías por aspiración, lesións derivadas de caídas ou úlceras por presión en persoas con mobilidade reducida.

Ademais das consecuencias físicas, algunhas persoas afrontan dificultades de comunicación, alteracións cognitivas e situacións de estigmatización social que poden afectar ao seu benestar emocional e á súa participación na comunidade.

Prevención

Aínda que non sempre é posible evitar a aparición da parálise cerebral, existen medidas que poden reducir o risco. Un adecuado seguimento do embarazo, o control das enfermidades maternas, a prevención das infeccións e unha atención obstétrica de calidade son factores fundamentais. Nos embarazos considerados de alto risco, o control especializado resulta especialmente importante.

As persoas con parálise cerebral deben manter revisións periódicas cos distintos profesionais sanitarios para detectar de forma precoz posibles complicacións e optimizar a súa calidade de vida.

Conclusión

A parálise cerebral é unha condición neurolóxica permanente que afecta principalmente ao movemento e á postura debido a unha lesión no cerebro en desenvolvemento. A pesar de que non ten cura, o diagnóstico precoz e a intervención multidisciplinar permiten mellorar significativamente a autonomía, a participación social e a calidade de vida das persoas afectadas, favorecendo a súa inclusión plena na sociedade.




mércores, 26 de marzo de 2025

MÁIS ALÁ DA FATIGA, A ANEMIA FERROPÉNICA

La anemia es una condición


A anemia ferropénica é a segunda enfermidade nutricional máis importante, con extensión mundial; afecta a varios grupos de risco, principalmente mulleres novas e nenos, e pode provocar importantes disfuncións nos órganos e sistemas do corpo. Aínda que a súa orixe é multifactorial e están implicados factores xenéticos e hábitos de vida, a alimentación xoga un papel importante na súa prevención. Por iso resulta de grande interese coñecer os mecanismos reguladores e os compoñentes dietéticos que condicionan a absorción de ferro, así como identificar os compoñentes alimentarios que favorecen ou impiden a biodispoñibilidade deste micronutriente, co fin de deseñar estratexias de prevención dirixidas a optimizar as reservas de ferro do organismo. Este traballo describe de forma concisa os principais factores dietéticos que poden interactuar coa absorción de ferro presente nos alimentos.


-Síntomas comúns da anemia 

Os síntomas da anemia poden variar en función da súa gravidade e da rapidez coa que se desenvolva. Entre os máis frecuentes atópanse:

1- Fatiga e debilidade xeralizada
2- Palidez na pel e nas mucosas
3- Dores de cabeza e mareos 
4- Palpitacións e taquicardia 
5- Faltas de aire durante actividades físicas

En casos máis severos, poden presentarse síntomas como desmaios, uñas fráxiles e sensación de frío nas extremidades.


Principais causas da anemia

As causas da anemia poden clasificarse polo seu mecanismo de produción:
  • Polo aumento dos requirimentos: durante o primeiro ano de vida, a adolescencia ou o embarazo. Ademais os requirimentos tamén aumentan cando hai un aumento das perdas (menstruación).
  • Por aporte insuficiente: Cando o aporte a través da dieta é insuficiente ou as reservas son insuficientes no nacemento por prematuridade.

Por todo isto, os principais grupos en risco de anemia ferropénica son as mulleres novas (idade fértil), os nenos, e, aínda que en menor medida, as persoas de idade avanzada. Tamén deberían terse en conta como grupo de risco ós individuos que consomen dietas veganas, con ausencia total de produtos de orixe animal, o cal pode ser un factor de risco de deficiencia de ferro.

 
Consecuencias da anemia ferropénica para a saúde

A deficiencia de ferro adoita desembocar en anemia ferropénica, e esta refléxase na disfunción de diversos órganos e sistemas corporais. Esta carencia pode afectar ao desenvolvemento cognitivo e psicomotor en nenos e adolescentes e ao estado do sistema inmunitario. Tamén aumenta o risco de sufrir procesos infecciosos e ao rendemento da actividade física e a capacidade de traballo, debido á alteración de fontes enerxéticas polo músculo.

Os pacientes con deficiencia de ferro presentan alteracións nas funcións gastrointestinais e nos patróns de produción hormonal e o metabolismo.

A anemia durante o embarazo aumenta o risco de morte perinatal na nai e no neonato, ademais de incrementar o risco de mortalidade infantil. Incluso se chegou a relacionar que a nai teña anemia ferropénica con un maior risco de depresión postparto.


Tratamento

Unha vez diagnosticada a anemia ferropénica, o tratamento consiste xeralmente na prescrición de suplementos de ferro por vía oral. A forma mais concorrente son os comprimidos de sulfato ferroso, por ser o composto que produce menos efectos adversos (dor abdominal, ardor de estómago, náuseas, diarrea e estrinximento).


Factores dietéticos

A dieta é un dos principais factores que poden influír no estado de ferro nun individuo san, xa que tanto o contido de ferro dos alimentos coma a súa natureza condicionan a absorción intestinal.
O ferro non hemo atópase en carnes, peixes e aves, pero fundamentalmente en ovos, verduras e froitas.
Algúns dos compoñentes dos alimentos poden potenciar ou inhibir a absorción do ferro. Os potenciadores máis eficaces e coñecidos son o ácido ascórbico e os alimentos de orixe animal como carnes, peixes e aves.
Ademais, o calcio, aínda que é coñecido que pode reducir a absorción do ferro, os numerosos estudios realizados ata o momento obtiveron resultados dispares, o que leva a pensar que as interaccións calcio-ferro son complexas.

Expectativas

Con tratamento, o desenlace clínico probablemente sexa bo, pero iso dependerá da causa


Conclusións

Tendo en conta o exposto neste traballo, o principal obxectivo na loita contra a anemia ferropénica débese centrar na prevención primaria, evitando a deficiencia de ferro e con elo que se produza a anemia. Para isto, é importante coñecer e identificar os alimentos e compoñentes de alimentos que permitan deseñar dietas con ferro de alta dispoñibilidade. 






CANDO AS FAÍSCAS DO CEREBRO DESCONTRÓLANSE

  O sistema nervioso é o encargado de coordinar todas as funcións do noso. Este sistema funciona grazas as neuronas, as cales se se comunic...