O cerebro é o órgano encargado de controlar os movementos, a postura e moitas das funcións do noso corpo. O seu correcto desenvolvemento é fundamental para que as persoas poidan realizar as actividades da vida diaria con normalidade. Porén, ás veces prodúcense lesións ou alteracións no cerebro durante o embarazo, o parto ou os primeiros anos de vida, o que pode afectar ao movemento e á coordinación.
Unha das condicións que pode provocar estas dificultades é a parálise cerebral. Esta consiste nun conxunto de trastornos permanentes do movemento e da postura causadas por unha lesión no cerebro en desenvolvemento.
Que é a parálise cerebral?
A parálise cerebral (PC) é un grupo de trastornos neurolóxicos que afectan ao cerebro e ao sistema nervioso. Estas alteracións poden influír no movemento, a postura, o equilibrio, a coordinación e, nalgúns casos, no aprendizaxe, a audición, a visión e o pensamento.
Existen diferentes tipos de parálise cerebral:
- Espástica
- Discinética
- Atáxica
- Hipotónica
- Mixta
Cada persoa pode presentar síntomas e necesidades diferentes segundo o tipo e a gravidade da lesión cerebral.
Causas da parálise cerebral
A maioría dos casos de parálise cerebral teñen a súa orixe durante o embarazo, aínda que tamén poden producirse lesións cerebrais durante o parto ou na primeira infancia. Entre os factores máis frecuentes atópanse a falta de osíxeno en determinadas áreas do cerebro, o nacemento prematuro, as hemorraxias cerebrais, as infeccións que afectan ao sistema nervioso central, os traumatismos cranioencefálicos ou algunhas infeccións maternas durante a xestación, como a rubéola.
Tamén poden influír a ictericia grave non tratada, determinadas complicacións durante o parto ou a exposición do feto a substancias tóxicas, como o mercurio. Con todo, nalgúns casos non é posible identificar con exactitude a causa que provocou a lesión cerebral.
SíntomasOs síntomas adoitan manifestarse antes dos dous anos de idade. Moitas veces son os propios pais quen detectan os primeiros sinais ao observar atrasos no desenvolvemento motor, como dificultades para sentar, gatear, poñerse de pé ou comezar a camiñar.
A forma máis frecuente é a parálise cerebral espástica, caracterizada por unha maior tensión muscular e rixidez que pode dificultar os movementos. Isto pode provocar alteracións na marcha, como camiñar de puntillas ou cruzando as pernas, así como limitación da mobilidade articular e debilidade muscular.
Ademais da espasticidade, algunhas persoas presentan movementos involuntarios, tremores, problemas de equilibrio e coordinación ou unha diminución do ton muscular. Tamén son frecuentes outras manifestacións asociadas, como dificultades de aprendizaxe, trastornos da fala, alteracións visuais ou auditivas e crises epilépticas.
Os problemas relacionados coa alimentación tamén poden aparecer con certa frecuencia. Algunhas persoas teñen dificultades para succionar, mastigar ou tragar os alimentos, o que pode acompañarse de babeo excesivo, estrinximento ou vómitos recorrentes. Nalgúns casos tamén se observan problemas respiratorios, un crecemento máis lento do esperado ou incontinencia urinaria.
Diagnóstico
O diagnóstico baséase fundamentalmente na observación do desenvolvemento e do comportamento motor do neno. Os profesionais sanitarios avalían aspectos como o ton muscular, os reflexos, a coordinación, o equilibrio e a evolución das habilidades motoras.
Tamén se analiza a persistencia de determinados reflexos primitivos que normalmente desaparecen durante o primeiro ano de vida. Para confirmar o diagnóstico ou investigar a causa da lesión cerebral poden empregarse probas de imaxe como a resonancia magnética, a tomografía computarizada ou a ecografía cerebral.
Tratamento
Na actualidade non existe unha cura definitiva para a parálise cerebral. O tratamento céntrase en mellorar a funcionalidade, favorecer a autonomía persoal e aumentar a calidade de vida.
Para conseguir estes obxectivos é fundamental un enfoque multidisciplinar no que participan diferentes profesionais, entre eles médicos especialistas, fisioterapeutas, terapeutas ocupacionais, logopedas, traballadores sociais e outros expertos segundo as necesidades de cada persoa.
A fisioterapia constitúe unha das intervencións máis importantes, xa que contribúe a mellorar a mobilidade, a forza muscular e o equilibrio. Pola súa banda, a terapia ocupacional axuda a desenvolver habilidades para as actividades da vida diaria, mentres que a logopedia resulta esencial cando existen dificultades de comunicación ou de deglutición.
Tamén poden empregarse dispositivos de apoio, órteses, andadores ou cadeiras de rodas para facilitar a mobilidade e a participación nas actividades cotiás. Ademais, moitas persoas precisan adaptacións educativas que favorezan a súa inclusión escolar.
En determinados casos, os tratamentos farmacolóxicos permiten controlar síntomas específicos. Os anticonvulsivantes utilízanse para tratar as crises epilépticas, mentres que a toxina botulínica e os relaxantes musculares poden contribuír a reducir a espasticidade e a rixidez muscular.
Cando as limitacións físicas son importantes ou aparecen deformidades articulares, pode ser necesaria a intervención cirúrxica. Estas operacións buscan mellorar a mobilidade, diminuír a dor e previr complicacións futuras. Actualmente tamén se investigan novas opcións terapéuticas, como a terapia de ondas de choque para o tratamento da espasticidade.
Ademais das consecuencias físicas, algunhas persoas afrontan dificultades de comunicación, alteracións cognitivas e situacións de estigmatización social que poden afectar ao seu benestar emocional e á súa participación na comunidade.
Prevención
Aínda que non sempre é posible evitar a aparición da parálise cerebral, existen medidas que poden reducir o risco. Un adecuado seguimento do embarazo, o control das enfermidades maternas, a prevención das infeccións e unha atención obstétrica de calidade son factores fundamentais. Nos embarazos considerados de alto risco, o control especializado resulta especialmente importante.
As persoas con parálise cerebral deben manter revisións periódicas cos distintos profesionais sanitarios para detectar de forma precoz posibles complicacións e optimizar a súa calidade de vida.
Conclusión
A parálise cerebral é unha condición neurolóxica permanente que afecta principalmente ao movemento e á postura debido a unha lesión no cerebro en desenvolvemento. A pesar de que non ten cura, o diagnóstico precoz e a intervención multidisciplinar permiten mellorar significativamente a autonomía, a participación social e a calidade de vida das persoas afectadas, favorecendo a súa inclusión plena na sociedade.
Ningún comentario:
Publicar un comentario