mércores, 3 de xuño de 2026

LADRÓN DE RECORDOS





 


E se os teus recordos comezasen a desaparecer pouco a pouco sen que poidas evitalo? O Alzheimer é unha enfermidade que non só borra a memoria, senón tamén parte da identidade dunha persoa.

É un trastorno neurodexenerativo que afecta ao cerebro e provoca un deterioro progresivo das funcións cognitivas, especialmente da memoria.

COMO OCORRE

O Alzheimer vai danando o cerebro pouco a pouco por dous lados. 

Por unha parte, a proteína 

beta amiloide acumúlase fora das neuronas e forman placas que dificultan que se poidan comunicar entre elas. Ao mesmo tempo, outra proteína chamada tau afecta ao interior das células: desordénanse e créase unha especie de enredos que impiden que os nutrientes circulen con normalidade, facendo que as neuronas vaian morrendo.




Co paso do tempo, todo isto provoca que o cerebro se vaia encollendo, o que se coñece como atrofia cerebral. Este proceso adoita comezar no hipocampo, que é a zona relacionada coa memoria, e despois esténdese a outras partes do cerebro. Por iso, a persoa vai perdendo pouco a pouco os recordos, a súa identidade e tamén a capacidade de ser autónomo.

A QUEN AFECTA


O Alzheimer adoita afectar ás persoas maiores, sobre todo a partir dos 65 anos. 

É unha enfermidade que aparece a medida que aumenta a idade, polo que o envellecemento é o principal factor de risco.

Aínda que é pouco frecuente, tamén pode presentarse en persoas máis novas, normalmente por causas xenéticas, antecedentes familiares, problemas cardiovasculares ou levar un estilo de vida pouco saudable.

O Alzheimer en persoas novas é máis difícil de detectar, xa que os síntomas poden confundirse con estrés, ansiedade ou problemas de concentración. Aínda así, co tempo aparecen os mesmos problemas que nas persoas maiores: perda de memoria, dificultades para organizar tarefas e cambios na linguaxe ou no comportamento.

EVOLUCIÓN

O Alzheimer non comeza xusto no momento no que aparecen os primeiros síntomas. É un proceso moi lento que pode levar anos ou décadas desenvolverse sen que a persoa se decate.

Os científicos dividen esta evolución en tres etapas principais, nas que pouco a pouco se vai perdendo cada vez máis capacidade.


  • Fase leve: Os síntomas céntranse sobre todo na memoria recente. A persoa comeza a repetir preguntas, esquécese de cousas que acaban de ocorrer ou ten máis dificultades para atopar palabras no medio dunha conversa. Aínda así, nesta etapa conserva bastante autonomía, e moitas veces estes despistes atribúense ao estrés ou á idade. 
  • Fase moderada:É a máis longa e o deterioro faise máis evidente. Xa non afecta só á memoria, senón tamén á linguaxe, á orientación e ao razoamento. A persoa pode perderse en lugares coñecidos, necesitar axuda para tarefas cotiás como vestirse ou preparar comida, e é frecuente que aparezan cambios de ánimo ou episodios de confusión.
  • Fase avanzada: Aquí o dano cerebral é moito máis xeneralizado. A comunicación practicamente desaparece, non recoñece ás persoas do seu entorno e a dependencia é total. Nesta etapa, o corpo tamén vai perdendo capacidade para funcionar con normalidade, polo que son necesarios coidados constantes durante todo o día.

TRATAMENTO

Non existe unha cura para o Alzheimer, pero hai tratamentos que axudan a mellorar a calidade de vida das persoas que o padecen e poden moderar un pouco a evolución da enfermidade.

Os medicamentos son moi importantes e poden mellorar temporalmente a memoria, a atención ou a capacidade de realizar tarefas diarias. 

Tamén son moi importantes as terapias non farmacolóxicas, xa que, grazas a exercicios de memoria, actividades de estimulación cognitiva e xogos mentais, axudan a manter o cerebro activo o maior tempo posible. 

O coidado da persoa é fundamental, xa que o apoio da familia ou de coidadores axuda a manter a súa seguridade, autonomía e benestar emocional. 

















Ningún comentario:

Publicar un comentario

CANDO AS FAÍSCAS DO CEREBRO DESCONTRÓLANSE

  O sistema nervioso é o encargado de coordinar todas as funcións do noso. Este sistema funciona grazas as neuronas, as cales se se comunic...