mércores, 3 de xuño de 2026

CANDO NON HAI PAUSA

 


Para que o noso organismo funcione correctamente é fundamental a intervención das hormonas, razón pola cal existen unha ampla variedade delas, producidas por distintas glándulas endócrinas. Entre elas destaca a tiroide, situada no pescozo, a ambos lados da tráquea, é a produtora das hormonas tiroideas, necesarias para o control do metabolismo, da enerxía, do calor corporal, do crecemento e do estado de ánimo. 

Como calquera outra parte do noso corpo, esta glándula pódese ver afectada e causar problemas, e é aí onde aparece a enfermidade de Graves. Trátase dunha enfermidade autoinmune, na que o noso sistema inmunitario produce anticorpos que estimulan a glándula tiroidea, facendo que produza un exceso de hormonas, é dicir, causando hipertiroidismo. A enfermidade de Graves é a causa principal de hipertiroidismo, xa que o 85% dos casos son debidos a esta enfermidade.

Afortunadamente esta non é unha enfermidade mortal, e cos medicamentos e hábitos de vida saudables pódese levar unha vida bastante boa.

Factores de risco

Existen diferentes factores que poden aumentar a probabilidade de padecer a enfermidade, como o son:

  • O sexo: afecta principalmente a mulleres. Aumentando máis a probabilidade durante o embarazo.
  • A idade: tende a desenvolverse a partir dos 30 anos.
  • Antecedentes familiares de enfermidade de Graves ou de Hashimoto.
  • Outros trastornos autoinmunes como o vitiligo ou artrite reumatoide.
  • Estrés.
  • Tabaquismo ou outros produtos derivados da nicotina.
Síntomas

A enfermidade de Graves presenta unha gran variedade de síntomas, como son:

  • Bocio difuso, que consiste no aumento do tamaño da glándula tiroide.
  • Perda de peso, aínda que aumenta o apetito.
  • Diarrea.
  • Dificultade para durmir e para concentrarse.
  • Nerviosismo e irritabilidade.
  • Intolerancia ao calor e aumento da sudación.
  • Tremor nas mans.
  • Debilidade muscular.
  • Taquicardias.
  • Cansazo e fatiga.
  • Cambios nos ciclos menstruais, e disfunción eréctil.
  • Oftalmopatía de Graves: ollos saltóns, inflamados, irritados, maior sensibilidade á luz e visión borrosa.
  • Dermopatía de Graves: pel grosa e descolorida nas pernas.


Diagnóstico

Comunmente os médicos diagnostícana realizando primeiro un exame físico buscando os síntomas mencionados anteriormente, para despois levar a cabo outros exames para confirmala:

  • Análise de sangue, para medir a concentración de hormonas tiroideas e ver se hai TSI, o anticorpo estimulante da glándula tiroide.
  • Ecografía tiroidea, para ver o tamaño da tiroide.
  • Proba de absorción do iodo radioactivo.

Tratamentos

Non ten unha unha cura xa que é unha enfermidade autoinmune, polo que para tratala os médicos empregan medicamentos como bloqueadores, para reducir os síntomas, ou metimazól e propiltiouracilo, que reducen a produción de hormonas na tiroides. Tamén poden empregar terapias con iodo radioactivo, que destrúe as hormonas que produce a glándula tiroidea e aliviando temporalmente os síntomas. Por último, poden realizar unha cirurxía para extirpar a tiroides, pero esta operación ten bastantes riscos, como un dano ao nervio que controla as cordas vocais ou á glándula paratiroide.

Ademais de todo isto, tamén é recomendable seguir unha dieta evitando o máximo posible o consumo de iodo xa que podería empeorar o hipertiroidismo.

Complicacións

Debido á enfermidade de Graves pódense desenvolver outras patoloxías ou problemas no noso organismo, como ósos fráxiles, afeccións cardíacas ou problemas de saúde durante o embarazo. Tamén se poden desenvolver problemas oculares e dermatolóxicos, e pódese ter unha crise tirotóxica que é moi rara pero potencialmente mortal, xa que se produce un aumento repentino de hormonas tiroideas no sangue, provocando febre, delirios, taquicardia extrema, axitación e insuficiencia cardíaca.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

CANDO AS FAÍSCAS DO CEREBRO DESCONTRÓLANSE

  O sistema nervioso é o encargado de coordinar todas as funcións do noso. Este sistema funciona grazas as neuronas, as cales se se comunic...