luns, 23 de marzo de 2026

ENTRE A SAÚDE E A OBSESIÓN




Durante os últimos anos aumentou a preocupación por levar unha vida saudable. Cada vez máis persoas intentan comer mellor, facer moito exercicio e coidar o corpo. Este interese pola saúde é algo moi positivo e necesario, xa que ter unha boa alimentación axuda a manter unha boa calidade de vida, pero cando a preocupación pola alimentación vólvese unha obsesión, pode aparecer un problema chamado  ortorexia.

A ortorexia é unha obsesión patolóxica por comer alimentos considerados saudables. As persoas que teñen este problema pasan moito tempo pensando na calidade dos alimentos e evitando consumir comida que non consideran saudables. Este termo foi proposto por Steven Bratman en 1997.  Este doutor comezouse a interesar por esta obsesión despois de observar que algunhas persoas que intentaban levar unha dieta moi saudable acababan tendo unha relación pouco equilibrada coa comida. Bratman decatouse de que estes individuos dedicaban moito tempo da súa vida pensando nos alimentos que consumían, planificando as comidas con moita precisión e evitando calquera produto que consideraran pouco saludable. Ademais, moitas destas persoas experimentaban sentimentos de culpa ou ansiedade cando non seguían as súas propias regras alimentarias. 


Por que aparece a ortorexia?

A ortorexia pode aparecer por diferentes motivos. Na sociedade actual hai moita presión por levar un estilo de vida saudable e por ter un corpo perfecto. Ademais, nas redes sociais e en internet hai moita información sobre dietas e alimentación, pero non sempre é correcta. Isto pode facer que algunhas persoas se obsesionen coa idea de comer perfecto e comecen a deixar de comer cada vez máis alimentos da súa dieta.                                                                                                                                         
Tamén pode influír a personalidade da persoa. Algunhas persoas son moi perfeccionistas ou moi estritas consigo mesmas, e isto pode facer que intenten controlar demasiado a súa alimentación.


A quen pode afectar a ortorexia?


A ortorexia pode afectar a calquera persoa, pero é máis frecuente en mulleres e adolescentes. Tamén aparece con máis frecuencia en persoas que practican deportes como o atletismo ou a danza, xa que adoitan preocuparase moito pola alimentación e pola imaxe corporal.



Relación con outros trastornos de conduta alimentaria 
(TCA)                                                        A ortorexia pode estar relacionada con outros trastornos da conduta alimentaria, como por exemplo a anorexia ou a bulimia. Nestes tres casos existe unha preocupación por querer ser perfectos e unha visión alterada de si mesmos.

A diferenza está en que na anorexia e na bulimia a obsesión está máis relacionada coa cantidade de comida, mentres que na ortorexia a preocupación baséase na calidade dos alimentos.

Tamén está relacionado cos trastornos obsesivo-compulsivos, xa que as persoas con ortorexia adoitan ter regras moi estritas sobre a alimentación e pensamentos constantes sobre a comida e a saúde. 

Que consecuencias pode ter para a saúde?

A pesar de que o obxectivo destas persoas é comer de maneira saudable, a ortorexia pode provocar graves problemas de saúde. 

Ao eliminar determinados alimentos sen substituílos por outros que acheguen os mesmos nutrientes, poden aparecer carencias nutricionais. Estas carencias poden provocar anemia, falta de vitaminas, falta de enerxía ou outros problemas de saúde. Ademais, unha dieta demasiado restritiva tamén pode causar unha perda de peso excesiva.

A nivel social e psicolóxico tamén pode ter consecuencias importantes. Moitas persoas poden chegar a evitar reunións con amigos e familiares polo feito de que non confían nos alimentos que se van servir. Isto pode provocar illamento social,  tristeza, ou tamén poden chegar a criticar ou menosprezar a quen non come do mesmo xeito.


Como se pode previr a ortorexia?

Para previr a ortorexia é importante manter unha relación equilibrada coa comida. Comer saudable non significa eliminar todos os alimentos que non se consideran perfectos, senón levar unha dieta variada e equilibrada.

Tamén é importante informarse a través de profesionais da saúde, como nutricionistas ou médicos, e non crer en toda a información que aparece en internet ou nas redes sociais.




Ningún comentario:

Publicar un comentario

O LADO OCULTO DA DIETA

  A alimentación é un dos factores que máis inflúe na nosa saúde. A través dos alimentos que inxerimos obtemos a enerxía e os nutrientes nec...